Valle-Inclán, mestizo e marxinal Xosé Luis Méndez Ferrín
Poeta y novelista
I.E.S. Santa Irene, Vigo (Pontevedra)publicado en la revista Bradomín, Revista de estudios sobre
Ramón del Valle-inclán y su época, nº 0, enero 2005
En 1966, George Steiner escribira o seguinte disparate: «Ao fitar para atras, o crítico ve a sombra dun eunuco. ¿Quén querería ser crítico podendo ser escritor?» Así se sente agora este que lles dirixe a palabra para falar de Valle-Inclán. Para lles falar do escritor que escolleu a palabra «falange» para definir un grupo de burgueses armados de fungueiro para abortar un mitin de esquerda, que introduciu a marihuana e os grafiti nas letras castellanas, que, en verbas, mimou o paso plástico do cubismo á abstracción constructivista, cal un Malevitch ou unha Popova, que primeiro usou en narrativa a técnica de secuencia cinematográfica, que, sen saber de Bahtine, e primeiro ca Bahtine, centrou no carnaval a natureza da ficción e do drama, que ventando o Che Guevara e o castrismo futuro analisou a dependencia económica e política latinoamericana e lles ensinou a Rosarito levándolles a manciña de escolares a Asturias, Carpentier ou García Márquez, que, moito por diante dos historiadores contemporáneos marxistas amosou a composición e propiedades do bloque povloziano no poder no XIX español e a función política da familia Borbón que hoxe se perpetúa sobre as nosas cabezas de súbditos.
Non, Valle non tivo sorte. Ningunha escafandra critica á medida do citado Steiner, que se sabia diferente ao sair das profundidades do canto XXIV da llíada ou do ensaio XX de Montaigne ou que se notaba coa sensibilidade sexual mediatizada trala lectura de Ana Karenina ou de Proust, digo, ningunha escafandra de semellantes proporcións permitiu a calquer crítico ningunha excursión analítica condigna aos infernos da triloxía Ruedo Iberico, poño por caso. Ainda que ben é verdade que Igmar Bergman sí que lle entrou ao texto valleinclanesco, sí que recoñeceu nel a grandeza e nós sempre choraremos por non termos asistido á representación de Divinas Palabras no Teatro Real de Estocolmo, antes de que Tamayo puxese a obra en escena en Castrelos e antes de que José Monleón e Primer Acto tivesen o acerto de se apropiar do teatro do noso autor, coa súa dramaticida inconfundíbel que en vida echou selada a porta do Teatro Espanol, de todos os teatros españois. Tivo máis sorte, afellas, Valle con algúns dos seus críticos especializados, con algúns dos seus eunucos, así do xénero dos canoros Farinelli que o louvaron con frenesí emotivo coma os do tipo gardián do serrallo das esencias españolistas e da ficción noventayochista que Azorín, cons poucos artigos asinados no ABC, decidira fundar para a nosa pesadume.
Dicíamos entroido e dicíamos Bahtine e algún, con malevolencia fixera a humorada: «Don Ramon é a mellor máscara que pasea pola rúa de Alcala no martes de Carnaval». A imaxe que Valle-Inclán deixou a posteridade terminou por se constituir en caricatura. Urxe, por tanto, a lectura de identidade de Valle-Inclán en canto entidade humana e a da súa obra como aportación a idea do home histórico contemporáneo. Tense estudado, do noso autor, moito, e con eficiencia e interese, o seu estilo, os seus estilos. Pouco o seu humanismo, arraizado tanto nas circunstancias históricas que lle tocou vivir a finais do século XIX e primeiro terzo do XX como nas circunstancias herdadas e extraídas do relato oral dos seus maiores que se situarían na segunda metade do XIX español tal e como foi política e económicamente vivida en Galicia.Sería preciso alguén capaz de devorar a substancia de Valle e trousar logo unha construcción antropolóxica tal e como, digamos, Sartre fixo con Flaubert, con Genet, con Baudelaire, como Otero Pedrayo fixo con Goethe e tamén con Baudelaire. Non habendo tal, os aportes biográficos existentes (Almagro, Borobó, Ramón) son aínda insuficientes e cada día esta Fundación descobre datos e circunstancias descoñecidas do noso autor. Todo parece indicar que Valle é unha persoa aínda disfarzada, disfarzada de Valle, sen dubida, que é preciso desenmascarar con urxencia. As anécdotas que tenen o escritor como centro conducen en camadas superpostas a unha ocultación. Como se se tratase dunha maldición, tras da súa morte máis e máis anécdotas brutais e grandgignolescas seguen desvirtuando a persoa do escritor e lixando as galas do defunto. As liortas no enterro civil, a peregrinación (arresto gubernativo) da estatua de Prieto Coussent (e conducción ordinaria) de Tui a Pontevedra e de alí á Curota. O derrumbamento da dita estatua e o formidábel escándalo derivado do feito. O marquesado de Bradomín instituido de forma dobremente real polo tataraneto da Raíña Castiza.Falabamos das raíces de Valle- Inclán e estas están en Vilanova, no Salnés, en Compostela, en Pontevedra, nunha Galicia na que repercutiu de modo moi considerábel a política do bienio Progresista de 1854-1856 no que participaron, se ben lemon Los Precursores, ou mellor adivinamos o que alí escribe un Murguía vagoroso, as xentes da familia e entorno do escritor,
As ilusións perdidas despois dos fusilamentos de Carral, parece que renaceron nos mozos máis vivos da xeración de Valle-lnclán Bermúdez, pai do noso autor, e correspondente e amigo de Murguía, quen prologará Femeninas. O Banquete de Conxo simbolizará ese compromiso, «ya rompe nuestra aurora y centellea», no que nace e se forma o neno Valle-lnclán. Unha Galicia radicalmente transformada pola activa circulación das propiedades eclesiásticas e coa nobreza fondamente crebantada a causa das leis desvinculadoras e da pasta en vigor do Código Civil, será a que acolla os seus primeiros pasos no camino da vida. Valle, que vería con sete anos o advenimento da I República, habería de morrer adherido entusiásticamente a segunda.
Se o estereotipo, se a máscara, en parte fabricada polo propio Valle, nos presenta este como persoa aristocrática, non deixa de ser verdade que pola parte da súa nai recibiu un bo exemplo do posibilismo dos De la Pena, compradores excomulgados dos bens eclesiásticos nos días de Mendizábal, segundo teño entendido. Pobre e fillo dun Bradomín liberal e dilapidador de fortunas, Valle-lnclán se sitúa desde as orixes familiares e días infantis nas marxes. Marxes nas que se individualiza como caso único. Pertencente a unha xinea na que abondan os títulos universitarios e están ausentes (na arstimonia) os de nobreza, Valle-Inclán iniciou estudos en Compostela pero non se licenciou en ningunha facultade. Até os seus finais anos foi pertinaz na falta de ortografía como pode verse nos autógrafos conservados, incluso en algunha instancia dirixida ás autoridades académicas.
Orgulloso da súa condición marxinal até o límite da soberbia, Valle-Inclán aprende na aventura mexicana xuvenil e entra a bució na biblioteca de Xesús Muruais (tamén proto-nacionalista) e de Murguía, cuxos fondos poden ser examinados en parte na Biblioteca Provincial de Pontevedra hoxe. Torrente nolo indica con acerto nun artigo inesquecíbel en Insula. Os decadentistas franceses, os simbolistas e parnasianos, os pre-raphaelistas ingleses que lle interesarían sabre todo pola plástica dos Rossetti e pola fina estampa e deseño dun Morris, e os portugueses, Eça de Queiroz, o Eça de Prosas bárbaras, contribuirían a formar a base estética da literatura do autor das Comedias idem en longas horas de lectura pontevedresa na Casa do Arco, se cadra en primavera ao pé da magnolia que aínda alí existe —irmá xemea da magnolia da Casa do Cuadrante en Vilanova.
Algúns homes que coñeceron en persoa a Valle-Inclán coinciden en evocalo en determinados intres só e coa orella aberta ás falas dos populares: na taberna de Elixio, en Vigo, na época na que visitaba a cidade na que residía unha filla, ao tempo casada có filólogo Jerónimo Toledano, ilustre institucionista e predecesor meu no Instituto de Ensino Medio. Alí, na travesía da aurora, reuníanse os mozos de fretes, cunha corda cruzándolle o peito e entraban na de Elixio, a quen Valle-Inclán chamaba Seiutti para botar en o chaqueiro e alí o noso escritor gravaba na mente ás súas conversas. Otero Pedrayo evocou para nós un Valle-Inclán inmóvil, só un toldo do polbo, sentado coas mans cruzadas sobre o caxato mentres ao seu redor zoaba o rumor das falas paisanas na feira dos xoves da carballeira compostelana de Santa Susana. Pola calle de Juan Álvarez Gato, fino poeta lírico e satírico castelán do século XV que Valle non debeu de coñecer pos lle cambiou o nome da rúa polo de Callejón del Gato, ou por Mesón de Paredes ou na Ribera de Curtidores madrileña aseguroume Dámaso Alonso que era fácil ver pasear un Valle-Inclán só, serio, deténdose en cada corro, perante cada grupo darredor dun trilero, prestando atención aos charlatáns, espiando conversas da hampa do Madrid domingueiro do Rastro. Seguramente ese ouvido de Valle estivo atento tamén na fracción da mocedade transcorrida en México e nas viaxes con Josefina por Buenos Aires e Montevideo, nas súas xiras teatrais.
Non sabemos cando Valle-Inclán se decidiu a pór en vigor estes coñecementos adquiridos nas universidades da rúa, as tabernas e os feiróns. En todo caso a medida en que Valle-Inclán se vai aproximando á súa plenitude, que para min é Tirano Banderas e Ruedo Ibérico e derradeiros microdramas, o pot-porri, a zaramallada léxica, o sarrabullo lingüístico faise de cada vez máis e máis denso e galdrumoso. Nun intre determinado semella cumprirse o ideal de acadar o máximo nivel de impureza que fose posible na súa lingua literaria castelá. Xorde así un idioma que verdadeiramente é só de Valle-Inclán. Unha sorte de mestizaxe léxica ocasiona que a empanada de palabras de todas as Américas –Cela quiso achegarse en La Catira- unidas ao xitanismo insistente e a presenza de casticismo saineteiros e terminoloxía de puro e cambiante argot de delincuencia e Cárcel Modelo ou que os españois chamaban «habla de germanías» antes de que o termo «Cheli» fosa posto en voga por Francisco Umbral vaia unirse a un galeguismo léxico, morfolóxico e sintáctico e constante, deliberado e orgulloso que, sobre a base da gramática básica castelán xera ese prodixio de idiotismo absoluto que é a lingua literaria de Valle-Inclán, na que non falta o recurso permanente e efectista ao galicismo máis rechamante (con efectos satíricos anti-modernistas).
Todo isto ten sido estudado moi insuficientemente. Pro podemos decer que se nunhas obras de Valle predomina a contaminación americanista, noutras a presenza do xitano ou do argótico será de maior densidade. Orabén, é certo que o galeguismo de Valle-Inclán está presente en toda a súa obra e non o é má intenso naqueles libros seus de temática galega. Moi posiblemente sexa, e digoo apenas como hipótese que tería que ser demostrada estatiásticamente, Tirano Banderas, esa obra pouco galega (ambientada en América sen un personaxe galego entre a colonia gachupina de Tierra Firme ou Caliente-beizón) e tan mestiza lingüísticamente que semella unha especie de idiocrioulo a súa linguaxe, é a obra na que Valle-Inclán insiste con meirande teima en empedrar con centos de galeguismos (trátase dunha mensaxe cifrada a esquerda nacionalista dos nosos días).
Vexamos: o indio Zacarías, ben montado da cabalo enlaza polo pescozo ao noxento gachupín. Escribe Valle «Lostregan las herraduras y trompica el pelele, ahorcado al extremo de la recta». Certo valleinclanista que non nomeo, anota así: «lostregar, resbalar; americanismo de origen incierto». Na súa edición de Tirano Banderas Alonso Zamora Vicente, o pai da dialectoloxía galega, define moi ben: «Lostregar: "relampaguear, brillar deslumbrantemente, e intermitentemente"». Pro, ai, non indica Zamora que lostregar sexa voz galega. Saen lóstregos e a mazo, en Tirano e sen que os valleinclanistas lean explicación e conta cabal deles. Alguns deses galeguismos non son de procedencia popular, senón que veñen do fondo do galego literario que nos anos vinte e arredor do grupo Nós se ía constituíndo (Cantigas de vellas). Vexamos algunhas amósegas que son ben saborosas. Amosegas de Tirano.
Dona Lupita era «achamizada», ou sexa, negra. «La mueca verde remegía los venenos». «El barón repitió temoso». «A aquellos llanos«El barón repitió temoso». «A aquellos llanos no se le miraba fin». «Con la hebra en el bezo murmuró leperon». «Qué has hecho? Guindarlo». «Vas vós acompañarme». «Coidame vos el ruano». «... y hornea un sollozo». «... y se meten por el sombrizo». «... la chinita ... recogida en burujo». «...conmovía la báquica e andorga». «La patria nunca te acordó cuando estabas en la gracia...» «... por fordo una cortinilla de lilailos japoneses». «He puesto fechos al corazón...» «... al rejo nativo...» «... aseñó a la mujer para que se llegase». «... hacer cachizas». «... mercan los fúnebres barros». «Nacho Veguillas, fichándose...» «... en el rancho de los revolucionarios». «Dona Lupita, falsa y apenujada...» «Viernes pasado...», «...por la banda de la Marina». «Por las mornas tapias corrían amarillos lagartos». «Bajo los laureles de un bochinche». «Le hacían rollas las manos y el papo». «Por la conga del convento...» «... los cantos de la boca». «Las manos prietas...» «La ringla de gachupines...» «La voz fachendosa...» «... arregañó el lobatón de los dientes». «Tirano Banderas, en la remota ventana, era siempre el garabato de un lechuzo» (Murnau).
Bilingüe desde a nacencia, Valle-Inclán non ousou facer da fala propia do Salnés a súa literaria: parece que aínda non era a hora da prosa e Murguía non dera exemplo. Pero as súas raíces fixeron que Valle-Inclán ollase o castelán desde fora criticante e con desamor. Sobre todo sen respecto nin devoción. De xeito que a súa lingua está sistemáticamente manchada e resulta tan irregular para o purista que as portas da Academia Española sempre lle estiveron pechadas con sete fechos e a Institución, por boca podre daquela sombra envexosa, daquel Salién que atendía por Julio Casares, viñeronlle campañaas de descreto en tempos moi sonadas pro hoxe esvorecidos na corda fruoxa do horizonte. Fálase de que a Real lle negou o premio Fasternath de novela; seguro que foi a razón de que ese premio estea hogano morto para sempre, como soe decerse. Ou sexa, que a actitude de Valle-Inclán perante o idioma de Castela é a antitética de Unamuno, de Azorín, de Antonio Machado, ou sexa, a do casticismo, da quintesencia, da repristinación lingüística. Mesmo o antagónica de Baroja, que cando escribe mal é porque non pode facelo mellor. Valle, soberbio, procura deliberada e metódicamente a transgresión da norma até puntos tales que a moitos lectores non debidamente preparados pode resultarlle algún treito seu incomprensíbel. Os do 98 redúcense a provincia de Castela.
Orabén, sempre presente na lingua literaria de Valle en América, en Galicia, nos campos en guerra de Francia, Valle-Inclán está o galego. Eiven pracer de facer a traducción de Las galas del difunto á nosa lingua. Non foi doado pero a final sentiu que máis ca unha traducción fixera eu unha restitución.
Arredor do ano do centenario do seu nacemento, 1966, Guillermo Díaz Plaja establecía a ben trabada doutrina dos dous estilos de Valle-Inclán, o modernista e o esperpéntico, aos que digo que ben se podería engadir un terceiro: o realista da triloxía La Guerra Carlista. Fronte ao estatismo (algo provincial) dos seus contemporáneos do 98 aparecía así un Valle-Inclán en insatisfacción permanente consigo mesmo, que pasa das sedas de Garcilaso ás esquinas de Quevedo, do decadentismo ás cachizas da realidade, da moleza musical —«de la musique avant toute chose» a unha especie de jazz ourizado estrepitoso, do sfumato difuminado tenue ás cores violentas, ao cubismo e mesmo á abstracción xeométrica soviética ao cine e teatro expresionista alemán. Mentres Unamuno é sempre Unamuno e Baroja sempre Baroja no plano das respectivas estilísticas, Valle-Inclán sería aquel que se atormenta a sí mesmo, o heautontimoroumenos que persegue un ideal de autodestrucción e de autorrexeneración, eterna ave Fénix que renace das propias cinsas como relato ou locus clásico.
Pois si, Fénix regresa da incineración sempre igual a ela mesma; Integra. Valle-Inclán no seu progreso metafórico incesante garda nos interiores do propio texto unha esterrecente unidade. Alga de Sonata de Estío é xermolo que vai dar seu froito serodio en Tirano Banderas, para pormos un caso. Eis o milagre. ¿Ou non o é que un silencio ou unha bris que zoa en Flor de Santidad no se agrande ou non se faga nordés témero en Divinas Palabras?
A noción de modernismo na cultura española, catalana e hispanoamericana é sempre unha fonte de confusión á hora das análises comparativas, dado o senso diferente que lle atribuímos a modernismo, poño por caso, no universo literario inglés ou no correspondente portugués mesmamente. A confusión chegou a se converter en caos á hora da desputa próxima pasada sobre postmodernismo ou postmodernidade. Sempre que tratemos de modernismo deberemos celebrar unha sesión previa de posta en común terminolóxica. Se por modernismo entendemos a ruptura con a tradición castelá que practica Rubén Darío mediante un proceso de síntese no que entran Baudelaire, o simbolismo e o parnasianismo franceses maiormente e que, convertida tal síntese en sistema pasa do guatemalteco á lexión de escritores hispanoamericanos e españois e se converte nun modo dominante literario nas fins do século XIX e principios do XX; daquela a primeira etapa da obra de Valle-Inclán, non pode ser chamada propiamente modernista. Valle enfrontouse el só en a biblioteca de Xesús Murais, e supoño que noutros depósitos bibliográficos, literatura finisecular francesa, nun esforzo case adiviñatorio pois os seus escasos coñecementos da lingua estaban compensados apenas por unha portentosa intuición para captar o que os perantes chamaban daquela zeitgeist ou Espirito do Tempo. E non só dos franceses; facendo esforzos aínda maiores, compensados pola visualización do book-design e da ilustración plástica e seguro que tamén asimilou Valle-Inclán o pre-raphaelismo británico. E, sobre todo, leu os portugueses neste caso con maior facilidade: sobre todo será Eça de Queiroz, a quen disque mesmo traduciu. E non só o Eça realista, que el utilizaría, enfatizándoo, sobre todo no tratamento da caricatura de figuróns humanos, que tan sabiamente sabía reducir a monicreques, senón do Eça difuso, post-realista, transgresor da adxectivación burguesa e mestre da nova sensibilidade que brilla nas súas Prosas Barbaras, sen esquecer o malditismo de Barbey d'Aurevill?, o Flaubert de Salambô ou os feitizos italianos de Gabrielle d'Anunzio. Lonxe de xerminar o mestura rubeniana, Valle practica a súa propia síntese de fin de século con ingredientes comúns, si, pero engadíndolle outros que fan o cocinado máis variado e apetitoso. Síntese que, unha vez conseguida e posta no seu punto, de contado esixía a súa superación. O cal converte a Valle-Inclán, máis dunha vez nun extravagante magnífico das letras casteláns.
A respecto do movemento modernista non é que Valle-Inclán estea na marxe, é que está só. De novo, «camina sotero» —coma Juanito Ventolera repatrado de Cuba. Por certo, en galego existe o adxectivo «soteiro» co valor de solitario ou senlleiro.
A superación do primeiro estilo prodúcese nos anos 20 e agudízase até chegar ao cumio durante a dictadura de Primo de Rivera. Nunca acreditei en verdadeiras simpatías carlistas de Valle-Inclán e sí en que lle facían chiste aqueles disparatados, suficiente chiste como para que o seu don Juan, figura humana simplícisima Xavier Bradomín, andivese na faución; iso si, sempre lonxe das linas de fogo a excepción da Sonata de Incesto, digo de Inverno. Valle adorara Obregón e os inxurxentes da revolta Méxicana, abofé. Desde 1916, ano no que visitou os campos de batalla de Francia, non deixa de emitir Valle un rosmido de Marsellesa polo baixo e sempre se lle afenden nas pupilas irisacións en tricolor, igual que a Murguía e, ao Hermida, e a López Seoane, e aos Chao, e a Pondal, e a Rosalía, e a todos os da Xeración de Valle Bermúdez, se lle puñan os ollos garibaldinos nas grandes ocasións de resurrección dos soños: 1854, 1868, 1872.
Digamos apenas que cando, nos 20, Valle racha e pula en materia de imaxinaria, de reconstitución da frase, de desmantelamento léxico, de novas estratexias adxectivais, cara o abismo da vangarda estética, acentúa máis e máis o xesto político intervencionista. Xesto e aceno que se feca en puño na teimosa oposición a Primo de Rivera, na candidatura socialista ás Constituíntes, no Congreso Antifascista, na presidencia de Amigos da URSS, na ídem do Socorro Bermello Internacional: Seoane, hai anos, destacou estes feitos e Paz Andrade non deixou lugar a dúbidas ao presentarnos un Valle que morría co ánimo estoico e conformidade atea.
Tamén ahí estaba Valle desparello da chamada Xeración do 98 na que persisten algúns en incluílo. Un Unamuno luterizado (Aranguren díxoo), un Azorín subsecretario e deputado bugallalista por Punta Areas, un Maeztu entre Mauras e Mussolini, só deixan a Antonio Machado ancorado na decencia republicana e laicista, par moito que añorase ao «pueblo que ponía a Dios sobre la guerra». De novo Valle camiñaba soteiro, senlleiro. Porque, por fin, o noso autor non fora nunca seducido pola paisaxe castelá, nin cederá ao nacionalismo español, nin mesmo amaba España, nin sentira arelas nihilistas, nin agónico-cristiáns, nin nietzscheanas patéticas —aínda que Nietzsche poidese nalgún intre insuflalle a Valle algún alento pérfido—, nin nada tiña en común coa Xeración do 98.
Vai Valle á ruptura estética como acode á vangarda política. E insisto eu: non só rachou Valle no plano do estilo, senón tambén no dos fondais. Tense falado e falarase neste congreso moi ben, de Valle-Inclán como dramaturgo; como dramaturgo que en villa e en República só poido ver representada unha obra súa, Divinas Palabras, para cuxa escenificación esixiulle á Xirgu Castelao como deseñador dos decorados. Falemos do Valle novelista, do Valle que Madrid segue aínda hoxe a ignorar vastamente.
Narrador Valle-Inclán ideou canda Dos Passos e canda Huxley, a novela de protagonista colectivo e, a propósito xustificou a súa aposta na necesidade que deste tipo de relatos sentían as masas «nunha época de socialismo e de comunismo» (así). No formigueiro humano que bole no Ruedo Ibérico), a carón da plástica de vangarda, a descomposición da norma léxica, da galería de retratos expresionistas á alemá, practícase a análise de clase e a identificación do inimigo principal das multitudes, que anónimas, deixan ouvir calla pouco na noite de Madrid o berro de esperanza: "iViva la Niña!". O monte de carne que alí é Isabel II serve de eixo simbólico a masa dos banqueiros, dos contrabandistas entumbagados de brillantes, das cotorras disecadas de salón, dos uniformes, da canalla dos xenerais da Unión Liberal, dos terratenentes asociados aos gavilleiros, dos conspiradores Montpensier, do clero que paira coma bando de ovatres zopilotes sobre a carnaza da recuperación dos privilexios e poderes perdidos para sempre nos días de Espartero, Sor Patricinio, que era ao parecer galega e que Valle, coma no caso dos repugnantes gachupines de Tierra Caliente, non quixo ver coma tal.
Certo que Valle-Inclán e, na súa derradeira e fulgurante etapa, un modelo do que na Alemania Engels e Marx, aínda máis adiante, se chamaba Tendenzliteratur, literatura dotada de ideoloxía e de intención política revolucionaria. Pero non o é menos que ao propio tempo, o noso actor se complacía en facer trucar de base («changuer de base», Peottier), os modelos retóricos reducindo os herdados a cinsas. ¿Reparou alguén en que Valle foi o único en escribir un relato en castelán algo semellante ao «dream of conciousness», a corriente de conciencia, case ao mesmo tempo (1926) en que se publicaba o Ulysses e seguramente sen ter noticia do acontecemento? Merece a pena visitar a texto pois hai outros sitios en Tirano: Tirano Banderas, Sexta Parte (Alfajores y venenos), Libro Tercero, La Nota. Divagaba o Ministro Plenipotenciario de España, así:
Con un esguince anguloso y oblicuo vio la calle tumultosa de luces y música. Banderas españolas decoraban sobre pulperías y casas de empeño. Con otro esguince le acudió el recuerdo de una fiesta avinatada y cerril, en el Casino Español. Luego, por rápidos toboganes de sombra, descendía a un remanso de la conciencia, donde gustaba la sensación refinada y tediosa del aislamiento. En aquella lima, números de una grámatica rota y Ilena de ángulos volvían a inscribir los poliedros del pensamiento, volvían a las cláusulas acrobáticas encadenadas por ocultos nexos: —iQué me destinen al Centro de Africa! Donde no hay colonia española... iVaya Don Celes! iGrotesco personaje!... iQué idea la de Castelar!... Estuve poco humano. Casi me pesa. Una broma pesada...
Pero ése no venía sin los pagarés. Estuvo bien haberle parado en seco. iUn requiebro oportuno! Y la deuda debe de subir un pico... Es molesto. Es denigrante. Son irrisorios los sueldos de la Carrera. Irrisorios los viáticos.
Fin do texto de Valle que eu non debería ter lido. O Steiner co cal ando nesta conferencia xa o tiña advertido: «Os autores modernos rara vez poden citar impunemente ós seus superiores».O escritor Valle-Inclán, fillo da colonia e das súas contradiccións, nado e constituido na subalternidade e na dependencia galega, proxecta sobre nós unha imaxe de grandeza e convídanos a esixencia. Soteiro, senlleiro, único no mundo, é un lóstrego que traza o seu garabato cegador sobre o ceo sombrío de Goya. Avanzado a todos e a todo é tal a entrega e disciplina que lle esixe ao lector que moi poucos soportan o réxima; os que compren, reciben en pago unha trabe de ouro.
Situado fóra do sistema literario español, sen camaradas nin convivas, a súa luz reflecte nos espellos deformantes de Juan Álvarez Gato e regresa a Galicia para, desde eiquí pasar o Océano o dar nova vida as letras latinoamericanas. Na grande aventura do século XX, Valle-Inclán quiso facer o seu asalto ó palacio dos ceos, e tal pulo deicida case o logra. O arco da vella segue a ser inacadábel máis el foi quen de nolo aproximar ao máximo.
© Xosé Luis Méndez Ferrín